obradoiro de emprego

renovación urbana e medioambiental cambados cidade europea do viño

Ruta a pé do río Úmia

(punto de partida: a Ponte das Estacas en Castrelo. Tomamos dirección Castrelo ou Vilariño).

Ao chegar ao río Umia poderemos ver a influencia das mareas nunha lagoa formada pola entrada do río cara ao corazón da xunqueira. Seguiremos o percorrido paralelo ao río nalgunha das dúas direccións sinaladas, onde poderemos ver:

  • os diferentes tipos de aves mariñas da zona
  • árbores da ribeira
  • vexetación endémica
  • flora asilvestrada

Descripción da ruta Pastora-Úmia

Na zona do río que pertence ao Concello de Cambados atopamos a ruta de sendeirismo Pastora Umia que se inicia no monte da Pastora. Aquí atopamos un miradoiro para visualizar toda a ría de Arousa.

Comezamos, pois, o percorrido no Monte da Pastora, dende onde se pode observar a vila de Cambados, a desembocadura do río Umia e a Ría de Arousa en todo o seu esplendor. Neste punto poderemos visitar as Ruínas de Santa Mariña (igrexa do s. XV) e do Museo Etnográfico e do Viño.

Nos primeiros tramos do itinerario pasamos por detrás do cemiterio da antiga igrexa parroquial (Santa Mariña), para logo xirar á esquerda e seguir pola estrada ata o final da zona asfaltada, deixando atrás un hórreo de tres claros (construción tipicamente galega).

Neste punto e seguindo por un camiño de terra, podemos observar múltiples plantacións de albariño e distintos invernadoiros, tan característicos desta bisbarra. Destaca tamén a presenza doutro hórreo, que resalta sobre a rocha que o sostén.

A continuación, desviarémonos á dereita por un camiño que nos vai permitir gozar da visión da xunqueira que descansa sobre o río Umia. Neste lugar pódese observar a típica vexetación ribeirá, como son os ameneiros, os salgueiros, os carballos e os loureiros, que conforman unha paisaxe única.

Ao chegar ao río Umia poderemos ver a influencia das mareas nunha lagoa formada pola entrada do río cara ao corazón da xunqueira. Seguiremos o percorrido paralelo ao río, onde poderemos ver os diferentes tipos de aves mariñas da zona.

Volveremos durante un pequeno traxecto polo mesmo camiño, seguindo a beira da xunqueira, andando por un camiño a través de terreos e ao final teremos a oportunidade de ver un pequeno bosque, á dereita, con distintas especies de árbores ribeirás.

Para regresar, farémolo por unha estrada que transita por medio de plantacións de albariño. Debemos continuar ata chegar de novo ao monte da Pastora onde, se finalizamos a ruta ao atardecer, poderemos ser partícipes dunha impresionante posta de sol sobre o mar.

A situación xeográfica do tramo da ruta que transcorre pola beira do río, forma parte da prolongación do Complexo Intermareal Umia – O Grove, que foi declarado Refuxio da Fauna en 1989, Zona de Especial Protección para as aves (CEE), Zona Húmida de Importancia Internacional (RAMSAR) e Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral en 1990.

COÑECE A RUTA

Neste enlace te-la ruta interactiva, con indicacións do que podes ver, así coma puntos xeoreferenciados para coñecer con total exactitude as localización máis axeitadas para a observación dos elementos singulares da mesma.

Scroll Up