obradoiro de emprego

renovación urbana e medioambiental cambados cidade europea do viño

O Río Úmia

Está formado por unha corrente variable de auga natural que nace en Aciveiro ao xuntarse os regatos de Raigosa, Filloi e Alende e pasa polos concellos de A Estrada, Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Portas, Meis, Ribadumia e desemboca en Cambados na ría de Arousa creando o Complexo Intermareal Umia-Grove. Ten unha lonxitude aproximada de 70 km. e un caudal medio de 16 m3

Afluentes: río Gallo, Cabaleiros, Follente, Bermaña, Saiar, Grela, Insuela, Grixó, Chaín Cañón e Armenteira.

Nas marxes da desembocadura do río atopamos diversas especies de xuncáceas debido ás condicións especiais de auga con mestura de doce e salgada con alto aporte de materia orgánica. Este ecosistema é aproveitado por diferentes especies de aves ao longo do ano.

Este ecosistema que transcorre pola beira do río formando parte da prolongación do Complexo Intermareal Umia-Grove, foi declarado Refuxio da Fauna no ano 1989, Zona Húmida de Importancia Internacional (RAMSAR), Zona de Especial Protección para as Aves e Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral no ano 1990.

ELEMENTOS NATURAIS DO RÍO UMIA

FORMAS DE RELEVO O río Umia configura un amplo esteiro na súa desembocadura no Complexo Intermareal Umia – O Grove, describindo previamente un trazado sinuoso para atravesar a extensa chaira costeira. A intensa dinámica fluvio-mariña deu lugar á formación de depósitos sedimentarios finos, ao longo da canle e áreas de marisma nas súas marxes. A prolongación en terra do esteiro desenvólvese nunha ampla chaira costeira pola que discorre o río principal e os seus regueiros de Armenteira, de Fonte Espiña, de Tabueiros polo sur, ou o Río Belos polo norte.

O PATRIMONIO CULTURAL

A franxa costeira da zona fluvio-mariña da desembocadura do Río Umia está protexida polo LIC Complexo Ons-O Grove. O que realmente dá valor a esta unidade son as marismas, unhas 90 ha na desembocadura do Río Umia. No continente existe unha intensa ocupación humana do medio, construtiva pero sobre todo agraria, o que reduciu moito as posibilidades de arboredo e de áreas herbáceas. As poucas masas existentes atópanse ao longo dos ríos Tombelo, ao norte e os regueiros de Manela, Pozo Pedra, Fonte Espiña e Tabueiros, ao sur.

O CARÁCTER E A ORGANIZACIÓN ACTUAL

Paisaxe caracterizada pola súa alta antropización, xa que a superficie de esteiro é a única que non está traballada ou dalgún xeito manexada polo home. Territorio de grande homoxeneidade, constituído por un tapiz continuo de cultivo de viñedos entre os que se alternan certas masas arbóreas de vexetación mixta. As parcelas de vide, a diferenza daquelas que se dedican a outras plantacións, caracterízanse por ser alongadas e estreitas, consecuentemente co seu modo de cultivo. Isto condiciona a estrutura do territorio e, con el, a rede viaria tradicional. A edificación distribúese en todo o territorio, cunha gran dispersión e sen formar núcleos compactos de consideración, apoiándose nas vías de comunicación e evitando as zonas máis fértiles, reservadas para o cultivo.

DINÁMICA DA PAISAXE

En conxunto, trátase dun territorio que soubo manter certa coherencia na súa evolución. O uso agrícola foi tradicionalmente moi intenso, cunha presenza moi importante de cultivos de vide dende que este foi introducido na zona na Idade Media. As técnicas de cultivo e o tamaño e distribución das parcelas foron evolucionando co paso do tempo, pero non o suficiente como para significar alteracións importantes na paisaxe. É importante, non obstante, destacar que nos últimos tempos se está a estender o uso de invernadoiros. O fenómeno que no último medio século máis afectou ao territorio é o crecemento residencial disperso que tende a invadir as áreas próximas ás vías de comunicación, así como a apertura de novas estradas ou a ampliación e mellora das xa existentes.

VALORACIÓN DA PAISAXE

Paisaxe que destaca pola súa homoxeneidade, xa que presenta unha gran continuidade no tecido que cobren a práctica totalidade da súa superficie. Sobre un manto continuo de cultivos salpicados de casas, a lingua do río Umia avanza con parsimonia, sen alterar o equilibrio agrícola, acompañada de discretas e fragmentadas masas forestais de escaso valor ambiental pero de potente influencia escénica. A capacidade expresiva deste territorio baséase, por tanto, nestes contrastes sutís entre a planicie cultivada, plana, verde e construída, e os fitos discretos que constitúen os bosquetes de repoboación que se distribúen polo terreo. A zona de esteiro, ese espazo ambiguo no que a terra se vai desfacendo invadida polo mar, supón o valor natural máis característico desta zona. Dende diferentes puntos da desembocadura do Umia obtéñense amplas perspectivas de todo o territorio, seguindo a canle do río e abranguendo boa parte das terras de cultivo que o acompañan.
Scroll Up